Un ciclo de conferencias analizará as cuestións máis relevantes do dereito concursal

O Ciclo de conferencias de dereito concursal regresa á Facultade de Ciencias Xurídicas e do Traballo este outono para achegar á comunidade universitaria aos retos actuais da administración concursal. Ao longo de cinco xornadas, os días 19, 26 e 27 de novembro e 3 e 4 de decembro, destacados representantes tanto do mundo académico como do profesional abordarán temas como a función do letrado da administración de xustiza, a declaración de concurso ou a responsabilidade dos administradores concursais.

Este programa está organizado polos catedráticos Anxo Tato e Julio Costas e coordinado polo profesor Pablo Fernández Carballo-Calero, que explica que as sesións están pensadas para analizar cuestións relevantes destes disciplina e, sobre todo, para achegar este campo ao alumnado de Ciencias Xurídicas e do Traballo e de Ciencias Económicas e Empresariais. O obxectivo do ciclo é “acercar o estudantado á xente destacada no ámbito concursal coa que probablemente coincidan na súa vida profesional”. Para iso, lembra Fernández Carballo-Calero contarán con “relatores cunha moi destacada traxectoria no eido concursal que pertencen a distintos sectores profesionais, dende un letrado da administración de xustiza, ata dous profesores universitarios xuristas ou administradores concursais, un administrador concursal economista e un docente que desenvolveu a función de xuíz en diversos concursos”.

Ler a nova completa no DUVI