Poñentes de recoñecido prestixio achegan ao alumnado o mundo do Dereito Concursal

Organizadas pola Área de Dereito Mercantil as charlas prolongaranse ata o 3 de decembro

“Trátase de achegar o mundo do Dereito Concursal ao alumnado a través de profesionais moi recoñecidos no sector”. Así explica o profesor Pablo Fernández Carballo-Calero o obxectivo principal do VII Ciclo de conferencias de Dereito Concursal, actividade organizada pola Área de Dereito Mercantil da Universidade de Vigo e que mañá martes arranca unha  nova edición na Facultade de Ciencias Xurídicas e do Traballo. A inauguración será na aula 209 ás 19.00 horas coa participación dos directores do ciclo, os docentes Anxo Tato e Julio Costas, e do primeiro poñente, Christian Herrera, profesor titular da Universitat Pompeu Fabra, que afondará na figura do administrador concursal avogado.

“O ciclo presenta un programa ambicioso no que hai un administrador concursal, un profesor de universidade, un xuíz substituto, un letrado da administración de xustiza, un representante da empresa privada e un avogado”, apunta Fernández Carballo-Calero, coordinador do ciclo, ao que engade que esta actividade arrancou en 2013 coa intención de analizar cuestións relevantes desta disciplina e achegarllas ao estudantado da Facultade de Ciencias Xurídicas e do Traballo e ao resto de persoas interesadas. “O normal é que teñamos en torno a 40 matriculados e matriculadas”, salientou o coordinador, quen valora “moi positivamente” que o ciclo acade xa a súa sétima edición “algo que non é nada doado” e, neste sento, agradece especialmente o apoio que lles presta o Consello Social.

Ler a noticia completa no DUVI