Visita do profesor Hagen Henrÿ, referente internacional en lexislación de cooperativas

Profesor da Universidade de Helsinki, Hagen Henrÿ é unha das figuras máis relevantes do panorama cooperativo a nivel mundial. Presidente do Comité de Dereito Cooperativo da Alianza Cooperativa Internacional, este venres participou na Facultade de Ciencias Xurídicas e do Traballo na Xornada Futuro da lexislación cooperativa, unha actividade organizada pola Área de Dereito Mercantil e na que tamén se contou coa participación de Gemma Fajardo, da Universitat de València, e Deolinda Aparicio Meira, do Instituto Superior de Contabilidade e Administracao do Porto, integrantes os tres do Study Group on European Cooperative Law, “un grupo de profesores universitarios expertos en dereito comparativo”, explicou na inauguración das xornadas o profesor Francisco Torres, coordinador desta actividade xunto co catedrático Julio Costas, que agradeceu aos poñentes o seu esforzo e plena dispoñibilidade para compartir co alumnado do Grao en Dereito a súa sabedoría no ámbito do dereito cooperativo.

“Estamos nun curruncho da península ibérica e non é doado cadrar axendas para realizar este tipo de eventos con persoas que son auténticos expertos, primeiras figuras no dereito cooperativo”, recalcou Costas, ao tempo que explicou que nesta ocasión a xornada puido levarse a cabo grazas ás axudas para actividades de internacionalización da Facultade de Ciencias Xurídicas e do Traballo e ao apoio do Departamento de Dereito Privado.

Ler a nova completa no DUVI