A nova economía, baseada na reformulación dos procesos de produción e consumo á luz dos avances dixitais, trouxo consigo un tipo de traballador autónomo caracterizado por unha maior vulnerabilidade e precariedade. Este é o punto de partida dun subproxecto de investigación sobre o traballo autónomo na era dixital, coordinado polo catedrático de Dereito do Traballo e da Seguridade Social da Universidade de Vigo Jaime Cabeza e inserido á súa vez nun proxecto financiado polo Ministerio de Economía, Industria y Competitividad no que participan as universidades de Vigo, Sevilla, País Vasco e Valencia. Co propósito de abordar “desde a perspectiva dos dereitos humanos”, como explica Cabeza, os cambios legais necesarios para dotar dunha maior protección a estes traballadores e traballadoras, preto de 50 expertos e expertas de universidades de España, Italia, Irlanda e Francia participan, na Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación, no seminario internacional O traballo na nova economía.
Inserido neste proxecto de investigación, este seminario ten como punto de partida falar “da nova economía como un escenario que profundou en problemas que xa existían de antes, pero que agora se fan moito máis intensos”, como sinalou Cabeza na inauguración do foro que coordina xunto coa profesora Emma Rodríguez. O acto contou tamén coa participación do vicerreitor do campus Jorge Soto, quen incidiu na importancia de reunir a esta serie de expertos e expertas para abordar “como vai ser o novo tecido de relacións entre os empresarios e diferentes colectivos”.